Sobre Nos

Aína que polo 1984 xa facían algunha cousiña, o grupo "Froallo" foi fundado oficialmente no ano 1987 por un grupo de amigos. Coa axuda da Asociación de Pais de Familia da Parroquia Sta. Eulalia de Arealonga de Vilagarcía, conseguen levar a cabo os seus obxectivos: dar a coñecer a música tradicional de Galicia e divertirse interpretando o seu propio estilo musical.

Nos seus comezos o grupo foi dirixido artisticamente por Ramiro e Iglesias que tamén formaban parte do mesmo. Julio García, Josito Porto, Alberto Arines, Manuel Bueno, José Manuel Mariño e Ricardo García que tiveron que deixar o grupo por motivos persoais e ou profesionais, seguen vinculados dalgunha maneira ó grupo.



Os músicos

Na actualidade conforman o grupo:

  • Manolo Romero, tamboril.
  • Ángel Paz, bombo.
  • Jesús García, gaita e pandeireta.
  • Eduardo Bueno, gaita.
  • José Luis Rey, gaita.
  • José Luis Bouzada, gaita.

Durante a súa andaina musical, teñen realizado cursos de interpretación, tanto para gaita como para percusión.


Andaina

Cabe destacar o gran número de actuacións realizadas na nosa comunidade, tanto en romarías como en festas populares, así como en actos oficiais organizados por distintos estamentos como: Xunta de Galicia, Deputación Provincial, diversos Concellos e Comisións, etc., asistindo en moitas delas ano tras ano, entre outras: Festa dos Cogomelos, Festa dos Maios, Festa da Camelia, Romaría de Unicef, Roteiro Marítimo Fluvial Xacobea, etc.

Dende hai varios anos, tamén acoden aos aperitivos que se organizan nas Adegas e Restaurantes da zona, con motivo dos Enlaces Matrimoniais.

Destacamos a presenza do grupo en duas cumes de Ministros de Pesca da CEE, na Recepción ós regatistas olímpicos de vela, coa presenza da Infanta Dna. Cristina, na regata de vela Cutty Shark, nunha convención do Pen Club Internacional, etc.

Tamén a colaboración que manteñen co Concello de Vilagarcía de Arousa nos actos culturais e festas que organizan.

Ferramentas

Todos os instrumentos que utilizan foron realizados por artesáns de Galicia: Carracedo, García Riobo, Carlos Galbán, O Chilro, Gaitas Gil, etc.

Os traxes empregados nas actuacións son todos de gala e pertencen a distintas comarcas de Galicia, respectando en todo momento a súa indumentaria, neste tema fomos asesorados por Milagros Zaragoza de Musical Duende.

Defenden ante todo o folclore tradicional de Galicia sen usar motivos ou aspectos que poidan, dalgunha maneira alteralo.


Qué facemos

Realizamos actuacións de todo tipo: Romarías, Pasarúas, Procesións, Festivais, Festas populares, Celebracións familiares, Actos oficiais, Vodas, etc.


Pezas a interpretar

Na súa maior parte recollidas na Comarca e arranxadas polo grupo: muiñeiras, xotas, pasacorredoiras, marchas procesionais, polkas, mazurcas, pezas populares e por suposto o Himno Galego e o Himno do Antigo Reino de Galicia.